mércores, 30 de abril de 2008

Un Ano Formando Parte desta Tolemia Colectiva!!!

O noso blogue ven de cumplir o seu primeiro ano, un ano xa formando parte desta tolemia colectiva, de feito xa o celebramos, pero non queremos deixar pasar a oportunidade de amosarvos todo o que temos organizado arredor del.

Cando saímos ao ciberespazo, os principais obxectivos que nos marcamos foron o fomento da lectura e a escritura así como o achegamento das TICs ao noso alumnado. Así mesmo pretendíamos ser unha fiestra cara ao exterior a través da que poidéramos non só poñer a disposición dos nosos visitantes todo o material de dinamización elaborado na nosa biblioteca senón tamén aprender das marabillosas experiencias e traballos expallados pola blogosfera.

O primeiro que fixemos foi organizar unha páxina estática:

“O Noso Faiado”: O almacén onde gardamos todos os nosos materiais.

Logo, e cara a conseguir todos os obxectivos marcados, pensamos en crear distintos blogues coa intención de motivar ao noso alumnado na súa experiencia lectora e escritora:

“O Club de Lectura do Segrel”: Un blogue onde os seus membros poden deixar os seus comentarios sobre as lecturas seleccionadas.

"O Blog dos Segreis”: Tenta ser un verdadeiro punto de encontro para o noso alumnado no que poder facer os seus comentarios, as súas suxestións de lectura, cine, música...

"O Segrel Cinema": Nace coa intención de acercarmonos ao cine e aos fondos que ai na nosa biblioteca.

“Radio Barullo”: Un blogue que saiu á blogosfera o día do noso primeiro aniversario e que quere ser a porta á través da que saía ao exterior a nosa radio escolar e o fantástico traballo que dende ela comeza a facer o noso alumnado.

E por último, que non menos importante...

“O Noso Álbum Fotográfico”: Onde se recollen todas as reportaxes gráficas das distintas actividades realizadas ao longo do curso.

A nosa idea primordial é facer do noso blogue un punto de encontro onde aprender, debater, colaborar, e sobre todo compartir. E como podedes comprobar está comezando a dar os seus froitos.

E para completar este ano fantástico que mellor que amosar o noso traballo presentando "O Segrel do Penedo" ao II Premio Espiral Edublog 08

Grazas a todos e todas os que estades aí e facedes desta andaina unha viaxe chea de emocións e de novas experiencias, unha andaina na que os amigos sodes imprescindibles.











domingo, 27 de abril de 2008

As Nosas Mochilas Viaxeiras

As nosas mochilas viaxeiras están xa a piques de emprender a súa terceira viaxe ás casas dos nosos rapaces e rapazas de 1º de ESO e a segunda ás de 2º.


Unha experiencia que está a resultar moi positiva e da que todos estamos apr
endendo moito. De feito, xa estamos pensando en facer algunhas modificacións tendo en conta as suxestións destes, nalgúns casos, nosos novos usuarios.


Algunhas opinións sobre a iniciativa:

  • Actividade motivadora xa dende o primeiro momento, ver que trae a mochila e repartirnos a lectura.
  • Foi unha actividade positiva xa que os membros da familia poidemos compartir o material que ven nela.
  • A idea paréceme moi orixinal e percíbese o intento serio de fomentar a lectura dun xeito serio e lúdico.
Algunhas das suxestións:

  • Incluir algunha páxina web interesante á que podamos acceder cos fillos/as.
  • Incluir títulos de literatura clásica.
  • Incluir música para escoitar lendo, tipo New Age ou Chillout.



venres, 25 de abril de 2008

Celebración do Día do Libro!!



No Día do Libro tivemos a oportunidade de ver, tocar, admirar e ler libros de literatura fantástica e de misterio, de escoitar a algúns rapaces e rapazas lendo e falando dos seus libros favoritos. Tolkien, Roal Dahl, Fran Alonso, Bosman, Benedetti… estiveron connosco.



Dende Radio Barullo escoitamos fermosos poemas e soubemos dos soños e ilusións de Samantha, unha alumna de 2º de bacharelato, que nos deleitou cun Rap escrito por ela “Esta es mi vida”





No Día do Libro falamos de libros, de lectura, de música... de algunhas das nosas paixóns.






mércores, 23 de abril de 2008

Presentación de "Radio Barullo"

Hoxe, neste día tan especial para nós, queremos facer a presentación oficial do Blogue da nosa Radio Escolar "Radio Barullo".

Unha presentación que podedes escoitar na voz de Sara Jove, alumna de 1º de ESO.

Neste blogue recolleranse as distintas actividades que organice o noso alumnado.



E comezamos cunha serie de entrevistas a algunhas das "Xoves promesas" do noso instituto. Rapaces e rapazas aos que lles gusta a música, a literatura, o cine... e que cada semana, Roberto, alumno de 3º de ESO, e un fan das ondas, irá presentando.


Non deixedes de escoitar a Samantha, ten unha voz preciosa.

Parabéns rapaces, isto promete!!

Día Internacional do Libro

En 1995 a UNESCO declarou oficialmente o 23 de abril como o Día Internacional do Libro.

Un 23 de abril, do ano 1616, morreron Cervantes e Shakespeare. En España celébrase esa data coa entrega do Premio Cervantes, o Nobel da literatura en lingua castelá, que este ano recaeu na figura do escritor arxentino Juan Gelman


Cartel obra de María Reboredo do
IES Río Cabe (Monforte)


Dende a Biblioteca de "O Segrel do Penedo" imos celebrar esta data con distintas actividades:


Exposición de Libros de Literatura Fantástica e de Misterio

"Os libros ábrenche a porta a un mundo de

Ilusión, Fantasía, Misterio...

Entra e compróbao""


Proxección do corto de Pablo Bullejos "La Segunda Estrella a la Derecha"


Maratón de lectura


Plantación de unha árbores polo alumnado de 1º de ESO, quen se encargará do seu coidado e mantemento.
Como consumidores de libros queremos aportar o noso graíño de area á construcción dun planeta máis verde.



FELIZ DÍA DO LIBRO!!

Cumprimos 1 Ano!!

ImageChef.com - Custom comment codes for MySpace, Hi5, Friendster and more


Pois xa vedes, saímos nas noticias, e non é para menos...

Hoxe, Día do Libro, fai un ano que "O Segrel do Penedo" saíu ao ciberespazo.

Un ano que non tería sido posible sen os AMIGOS que sempre estades ahí.

Grazas...

Ás MANS que nos levan pola blogosfera.

Ao AMIGO que comparte esta andaina.

Aos PLAMBEIROS e demais Blogueiros que nos enlazan, nos visitan, nos apoian, nos animan e sempre nos aprenden.

Que sexan moitos máis en tan boa compañía!!

martes, 22 de abril de 2008

22 de Abril: Día da Terra

Hoxe celébrase en todo o mundo O Día da Terra.

Ata cando non imos tomar conciencia do que estamos a facer?

Algunhas das causas do cambio climático estamos a sufrilas en Galicia nestes últimos días, as fortes precipitacións coas conseguintes inundacións así como os fortísimos ventos.

Serverá isto para modificar algunha das nosas actitudes?




Máis información en:
Wikipedia
National Geoghaphic
Ecologistas en Acción
Educación en Valores
Algunhas Ferramentas Didácticas

O Cartel é obra da María Reboredo do IES Río Cabe (Monforte)

domingo, 20 de abril de 2008

O fabuloso Karlo Cercedini

Mentres pensábamos como celebrar o primeiro aniversario do blog, descubrimos que non tiñamos libros de ilusionismo!!!! Un detalle imperdoable en tempos de Harry Potter e, máis aínda, vivindo na ría que veu nacer a Lorc. Á espera de adquirir algún exemplar, puxémonos en contacto cuns magos para ver se podían darnos unha actuación.
Grazas a eles, hoxe presentamos a un artista que ten traballado nos cinco continentes. Por primeira vez en España e por primeira vez nun blog das bibliotecas escolares!!!!!! O fabuloso Karlo Cercedini, o gran mago da Wii!!!!!

Dádelle ao play que este tío non traballa sen música. Rápido!!!!!





“Buon giorno, buona notte a tutti. Me chiamo Karlo Cercedini. Io sono il primo mago de la Wii. Io voglio salutare a Loly e a tutti os seus amicis das biblios. Neste momento, io tengo na mano il mando de mi Wii e io podo cortocircuitar il vostro cerebro. Pulso un botón dil mando e il vostro cerebro non funciona correctamente. OK? Preparados?

1º Tu respirare profondamente.....Bene


2º Levanta el pie dereito e fa círculos en el aire en el senzo de las agullas del reloj, hacia la derecha.....Bene. Non parare.

3º Io toco un botón del mio mando de la Wii….Bene.

4º Alora, sen deixiar de facer iso, traza un número 6 en el aire con la túa mano derecha…. Que cuosa pasa con el pie? Incredibelmente , il vostro cerebro está desconfigurato!!!!

Un aplauso forte per me.

Grazie, bellisimo público spagnolo. Per voi moitos
pop corn. Grazie. ”

mércores, 16 de abril de 2008

La Segunda Estrella a la Derecha

No mes dos libros, para algúns de nós, non xa todos os meses senón todos os días deberían ser dos libros, da lectura…

Dicía Borges “Hai quen non pode imaxinar un mundo sen paxaros; hai quen non pode imaxinar un mundo sen auga; no que a min se refire, son incapaz de imaxinar un mundo sen libros.”

Presentamosvos un corto do director Pablo Bullejos
que chegou ata nós a través da lista de correos de BESCOLAR.

Un marabilloso corto sobre a animación á lectura nas bibliotecas, cuxo título xa di moito...


"LA SEGUNDA ESTRELLA A LA DERECHA"

Que o disfrutedes!!









luns, 14 de abril de 2008

Roteiro polas Bibliotecas Escolares (IV)

E chegou a data sinalada, Mércores 12 de Marzo. Levábamos moito tempo esperando esta visita. Marina tiña moitas ganas de que fóramos, pero penso que nós aínda tíñamos máis.

Quedamos ás 14.30 na praza do pobo, pero os GBI, ansiosos como estabamos por chegar, tivemos tempo ata de probar uns pinchos de tortilla boísimos.

Marina chegou á hora fixada, e despois dos bicos e abrazos (esta muller faise querer e de que xeito!!) fumos comer. A comida e a conversa tan agradable fixeron que o tempo pasara boando. Rematamos cun café de pota magnífico e saímos para o cole.

No IES de Arzúa a biblioteca escolar está moi presente. Nada máis entrar, os carteis que nos dirixen a ela enchen as paredes. No noso camiño cara á biblioteca pasamos diante da Sala de Profesorado onde fixemos a nosa primeira parada. Ali coñecimos a Catalina unha das principais protagonistas da dinamización desta biblioteca. Casualmente estaba sentada nun dos puntos de lectura que hai espallados polo instituto. (Xa vos contamos que a biblioteca faise ver por todo o centro!!) Este é moi especial, e a decir polas artífices de tal marabilla, ademais de ser moi frecuentado polos profes, os libros que alí expoñen son moi solicitados por este grupo de usuarios. (Xa tomamos boa nota e pensamos poñelo en práctica, será unha das nosas novidades do vindeiro curso!!). Tamén coñecimos a Oki. Cantas gañas tiñamos de poñer cara a esta fenomenal blogueira!!

E continuamos o noso camiño.

Vaia entrada máis espectacular ten esta biblioteca!! Á súa porta atopamos unha zona de informática e diferentes exposicións coas novidades e suxestións de lectura, cine e música. Realmente se respira o aire da biblioteca por todas partes.

Entramos na Biblioteca e Marina ensinounos todos e cada un dos seus recunchos e detalles. A zona de rexistro e a de informática, fantásticas, o libro do mes, nesta ocasión é Persépolis, un dos cómics de culto, a caixa das suxestións, a zona da audiovisuais e a Sala Mondrián da que xa nos fixera chegar varias fotos a través de BiblioArzúa. Pero aquí non acaba todo, esta biblioteca tamén ten un pequeno almacén e incluso un baño. Vamos, que non lle falta detalle algún. Unha biblioteca onde a cor é unha das súas características predominantes, pero sobre todo o que máis se respira alí é a paixón que estas tres mulleres poñen no traballo que fan.

Parabéns Marina polo bo facer e por conseguir da vosa biblioteca escolar, esa biblioteca que ti sintes como algo teu, un verdadeiro punto de encontro!!!

E chegou a hora de írmonos, pero non sen antes asinar no seu Libro de Ouro. Meu Deus, que honor!!

Máis non nos podíamos marchar de Arzúa sen admirar a outra paixón da nosa anfitriona. As súas plantas e xardíns. Realmente preciosos!

Marina, foi un verdadeiro placer compartir este día contigo. Ata sempre e por sempre!!!




*Se queredes ler os pés das fotos, só tedes que picar no "bocadillo" do lateral inferior esquerdo.


Outros Roteiros

CEIP Milladoiro-Malpica

CEIP José Cornide (A Coruña)

IES Uxio Novoneyra (A Coruña)

Tamén nos outros GBI Blogues

A Nosa Biblioteca

Biblioafonso

sábado, 12 de abril de 2008

11ª Olimpíada do Saber!!





Toda a información en O Noso Faiado a partir do luns

Pero se aínda así vos queda algunha dúbida, xa sabedes, ide á Biblioteca e falade con Inma ou Begoña (Non llo digades a ninguén, pero elas teñen todas as respostas, esas mulleres sábeno todo!!)

xoves, 10 de abril de 2008

Uns Encontros para Encontrarnos…. E de que xeito!!!!!! (III)

Comezamos os Encontros con moitas risas, que non foi Antón o único que nos fixo rir, aínda que con el, e como xa comentamos, canto e de que xeito o fixemos!!

Chegamos a Sanxenxo despois dunha viaxe do máis agradable, a pesar do madrugón… E nada máis chegar, e despois dos bicos e abrazos a todas as amizades, intentamos colocar os nosos materiais. Pero é que os materiais dos GBI viñan, como non podía ser menos, xuntiños, imposible separalos, e custou unha miaxiña atopar un oco para eles. Aínda que Marina, amiga onde as haxa, fixo todo o posible por axudar, e a piques estivo, como podedes comprobar polas fotos, de servinos de, digamos “azafata” do grupo…

Nos Encontros, como é habitual, non só houbo ponencias, obradoiros e xuntanzas por zonas, nin moitísimo menos (de todo iso tivéchedes cumplida conta nas entradas anteriores). En todos os Encontros Plambeiros sempre hai moita alegría, moitas conversas, moitos momentos que compartir… As comidas, a cea, o almorzo, e como non, os cafés. Cantos cafes arredor desa preciosa piscina que non poidemos probar... O que si probaron algúns e algunhas foi a Talasoterapia, e así lles foi… pobre Beni, aínda lle están a escocer os ollos…

E que me dicides do tempo? Axudou e moito para que as nosas conversas nocturnas pudiéramos mantelas a carón desa marabillosa praia, e claro, lúa, praia… xa se sabe, ocorre o que ocorre… O Sabio subiu para a súa habitación e ao contemplar dende o seu balcón tanta beleza, non o puido evitar e… pasou o que non debía ter pasado.

Que te temos moi avisado, que hai que controlar as emocións, pero nada, este home é asi… que lle imos facer!!

Tranquilos, calquera profesional da fotografía que se precie, e eu non podía ser menos, sempre está no lugar oportuno no momento axeitado así que preparádevos que aquí están as “instantaneas”…

TARARA, TARARA…

Síntoo, penso que ata aquí abonda… o resto, só o vimos os que alí estabamos…. E para que non vos sintades moi defraudados, deixovos unha pequena reportaxe gráfica obra tamén de Cristina Novoa, Marina Engroba, Carmen Suárez e Emilio Roca.

Señor, canto Plambeir@ “paparazzi”!!




E con esta chega a despedida.

Foi un verdadeiro pracer compartir estes dous días con todos e todas vós.

Ata a próxima compañeir@s!

Saúde, libros e Bicos!!!!!!!!!!!!!

mércores, 9 de abril de 2008

Uns Encontros para Encontrarnos...(II) Antón Castro e a Risoterapia

Antón Castro, mestre de educación musical e un dos históricos de Fuxan os Ventos, grupo no que mesmo canta que toca a mandolina, a zanfoña, a gaita ou a flauta, foi o encargado de facernos pasar un momento inesquecible nos Encontros do Plambe.

Disque a risa fortalece e cohesiona as relacións humanas, se isto é así, despois da sesión con Antón, @s Plambeir@s estaremos máis unid@s que nunca.

Distintas correntes filosóficas promoven dende hai séculos, a importancia da risa para combater todo tipo de males.
Hai máis de 4000 anos, no antigo imperio chinés había uns templos onde as persoas se xuntaban para rir co único fin de equilibrar a súa saúde. Na India tamén atopamos templos sagrados onde se pode practicar a risa. E Sigmund Freud atribuíu ás gargalladas o poder de liberar o organismo de enerxía negativa.

Así que sans, liberados de enerxía negativa e xuntos coma unha piña, a partires de Sanxenxo non haberá quen poida con nós. E para completar tanta ledicia vai a Directora Xeral e nos di que a figura dos responsables das bibliotecas escolares aparecerá recollida no ROC... Ben, vale, deixade de rir, non vaia ser que con tanto exceso vos poñades malos...

E para que non esquezades o encontro con Antón, home fantástico onde os haxa, aquí vos deixo unha pequena mostra do que alí aconteceu.

Veñan risas, risas e máis risas!!!!
Grazas Antón!!!!


Continuará...

martes, 8 de abril de 2008

Uns Encontros para Encontrarnos!! (I)

De volta dos Encontros do Plambe, celebrados o xoves e o venres pasados en Sanxenxo, foi necesaria a fin de semana para relaxarnos despois de dúas xornadas tan intensas.

Foron uns encontros, como moi ben os definiu Pilar Sampedro, para encontrarnos. Para encontrarnos coas amizades (algúns, a pesares de non estar presentes, tampou faltaron a esa cita. Estiveron de moi diversas formas, e sempre no noso pensamento) e para poñer cara aos que ata agora eran só uns nomes, máis cantos faltan aínda!!

Coñecémonos todos os responsables da zona de Ferrol, mesmo temos organizada algunha xuntanza da que sen dúbida xurdirán moitas e boas ideas. Os traballos colaborativos, xa se sabe, sempre son moitísimo máis ricos e enriquecedores!!

E que dicir do fantástico programa organizado polas nosas xefas?

A inauguración correu a cargo da Directora Xeral Mª José Pérez Mariño quen nos dou o que nos diarios sería un gran titular “A vosa figura estará recoñecida no ROC”. Eu simplemente engadirei “Que así sexa e esperemos que nos termos que durante tantos anos levamos reclamando á administración”

E comezaron os outros Encontros:
Asistiron moitos e grandes persoeiros da cultura e do mundo das Bibliotecas Escolares dos que aquí recollo algunhas frases que deberían facernos pensar, polo menos a min, e non por non seren de sobras coñecidas, fixéronme e fanme cuestionar algunhas cousas...

José Antonio Camacho:
“Este programa –PLAMBE- comeza a ser un referente en outras comunidades. Da aposta que continue facendo a Consellería depende que o siga a ser e en maior medida”

Manuel Bragado:
“A lectura electrónica require un lector mellor formado e máis crítico”

José Manuel Luque:
“A Biblioteca Escolar non pode ser un servizo complementario. Non o é”
“A Biblioteca Escolar adquire sentido cando se convirte nun recurso para o desenvolvemento do Currículo e do Proxecto Educativo do Centro”

Laura Borrás:
“Ler outorga a capacidade crítica o que implica a capacidade de pensar”
“O que eu lle ofrezo ao meu alumnado é o que non se pode atopar fóra. Senón estariao estafando”
“Un ten que sentirse fascinado co que fai, para ter máis capacidade de fascinar”
“Poñer en crise, facer crítica, supón o esforzo de coñecer”

Gonzalo Moure:
“Non podemos enviar aos libros a loitar contra os videoxogos”
“Eu creo no libro como amizade, non como fascinación. A amizade crece e crece... a fascinación decrece.”
“Ler é como o amor, doi. Ao final sempre doi”

José Luis Barreiro e José Fariña:
Da man destes dous grandes profesionais chegaron algunhas novidades das TICs. “Rapaces, engancháchesnos ao Moodle!!” Pero non quedou aí a súa intervención, xa que fixeron posible a transmisión en directo dalgunha das conferencias.

Parabéns ás organizadoras destes magníficos Encontros!!


Continuará...

Máis crónicas sobre estes Encontros en:

A Nosa Biblioteca

BiblioArzua

Biblioblogreboreda

Bibliobrey

Bibliotecadocole

Blogoteca

Mesturas

Pedradaaguia

Bibliocabe

Bibliovaladares

Biblospazos

Related Posts with Thumbnails